Se vas de Ponferrada a Babia levas sempre o Sil á túa beira, ata que chegas á ponte das Palomas. Alí hai 20 millóns de anos o Bierzo sufriu unha serie de cambios tectónicos que permitiron a captura dos regos da cabeceira do río Luna. De xeito parello o regueiro que baixa pola Cueta converteuse na fonte do Sil, co seu nacedoiro nas abas de Pena Orniz.
A esta lección de xeoloxía súmase outro agasallo da flora, a Saxifraga babiana, que medra en matogueiras entre as rochas calizas. A súa forma compacta, xunto coas súa follas pequenas e carnosas, impide a desecación excesiva e supón unha defensa adicional contra o frío.
Nuns poucos quilómetros cadrados entre Babia e Somiedo podes atopar máis de 70 cumios cunha altura superior aos 2.000 metros, é o territorio ideal para os rebecos.
Conta con 3 horas para ir da Cueta á Pena Orniz, pasando por Covalancha. Alí arriba asistirás atónito a unha sinfonía de 360 graos, podes dar varias voltas e identificar as Ubiñas, Cervata, Albos, Pena Chana, Calabazosa... E non perdas a ocasión de coñecer a Lagoa das Verdes, protexida polo Montihuero. O ideal é saír de Torre de Babia e deixar que a natureza te inunde coa súa enerxía. Chegarás a un lugar telúrico.
E se buscas un sitio con persoas encantadoras alóxate no Aposento de Babia, en Quintanilla.
Imaxes:
1.- Río Sil na ponte das Palomas.
2.- Saxifraga babiana no lago Calabazosa.
3.- Las Morteras dende La Cueta.
4.- Covalancha.
5.- Androsea villosa.
6.- Pena Orniz dende Cuetalbo.
7.- Panorámica dende Pena Orniz.
8.- Musgos do nacedoiro do Sil.
9.- Espadaña do Montihuero e Agulla das Coloradas custodiando a Lagoa das Verdes.
Para coñecer a vida microscópica das Fontes do Sil consulta as imaxes e textos de Antonio Guillén e do seu "PROYECTO AGUA".








