Panorámica Laxe da Moa (cabeceira) Mirada / Gaze Mirada / Gaze Panorámica faro Collendo auga Retratos de Jorge Fuembuena (Plaza Matadero Madrid) Fervenza de Segade (Caldas de Reis) Aceite Arbequina. Aceites Abril Expo Camelia Fonseca Escaleira helicoidal de Bonaval (Domingo de Andrade) - 3 Greas da Groba 4 Catedral de Santiago. Nadal 2012. Posta de sol. Fervenza do Ézaro.

son de poesía: "Polifonías" de Estíbaliz Espinosa

  • 25.5.06


  • Son raros estes humanos.

    Un día nacen. Poñen a proba o mundo enteiro.
    A persistencia desa inesperada mutación do cosmos chamada vida.
    Esa estirpe bastarda de estrelas e de forzas.

    Son raros.
    Non saben qué facer con eles mesmos. Pois aí os tes.
    Recén creadas as mans. Pois aí as tes.
    Cando rin en medio das tempestades ou desesperan de puro pracer.
    Qué me dis diso que fan coa larinxe. Pode ser inaudible,
    malinterpretable, estentóreo, febril...
    Rascan cordas sobre a madeira coas crins dun cabalo. E obteñen
    algo que non se parece a nada do que existe no universo. O único
    que non mimetiza forma ningunha. Que mana coma a sangue dunha
    ferida e o seme e a lava.

    Son raros.
    Son rarísimos.
    Pelexan por nomes, por belezas, por espacios, por fe. Perséguense
    en corredores escuros e logo fan que non se coñecen. Tortúranse.
    Regresan xuntos dalgún lugar e conxugan un futuro que nunca sucede.
    Alivíanse mutuamente con vendas e drogas e palabras.
    Distáncianse de si mesmos cunha ironía fecunda.
    Deles é a dúbida, a senrazón, o paradoxo, a suspicacia.
    Contemplan galaxias que non saben da súa soedade.
    Deles é o ruído, a música reservada para eles, para eles desde o
    principio das estacións.
    Viven desde antes de chegar a este mundo.
    Viven moito despois de abandonar este mundo.
    Crense inmortais. Pero dalgún xeito crer e ser son
    o mesmo verbo.
    Converten en cerdeiras, no interior dos ollos dalgún animal
    nocturno, en madeira de violín, en crins de cabalo.
    Converten no que sempre quixeron ser, no que sempre foron.
    Mutan continuamente e despistan aos que se quedan.

    Son raros.
    En todo o raro sempre hai algo de marabilla.
    Cando aman algo profundamente, evitan nomealo.
    Son estraños.
    Ás veces non saben qué facer coa memoria.
    Ás veces din palabras sen sentido.
    Ás veces, Luísa miña, ás veces















    Esta composición poética forma parte dun libro homenaxe a varios poetas galegos: Antón Tovar, Manuel María, Xela Arias, Luísa Villalta.

    son de poesía editouse grazas ao patrocinio de Ediçoes Fluviais e Libraría Couceiro, coa selección de autores de Xoán Carlos Domínguez Alberte.
    Real Time Web Analytics